YouTube elimina o contador de non me gusta

xoves, 11 de novembro do 2021 Marcus Fernández

YouTube quere evitar o uso abusivo do botón de non me gusta, co que moitos acosaban a usuarios e temáticas

Os botóns de gústame e non me gusta nas plataformas sociais son en moitas ocasións unha fonte de problemas, de xeito que moitos usuarios abusan en moitas ocasións do non me gusta para amosar a súa desaprobación cara a unha temática ou unha persoa, en vez de valorar realmente o contido publicado, e dende YouTube decidiron tomar partida no asunto dun xeito moi razoable: manterán o botón de non me gusta pero o contador asociado a este botón quedará oculto para o público e só poderá consultalo o creador do contido.
Con esta medida YouTube busca neutralizar as campañas coordinadas para acosar a certos creadores indicando que os seus contidos non gustan, e aseguran que tras probar esta funcionalidade durante uns meses comprobaron como resultaba efectivo como medida para reducir o acoso na súa plataforma.
Cómpre salientar que, pese ao que algúns pensaban, o volume de gústames e non me gusta non afectan á visibilidade dos vídeos en YouTube, pero si afecta aos contidos que se recomendarán ao usuario que preme nos botóns (como acontece nas plataformas de vídeo baixo demanda baixo subscrición), de aí que se manteñan os botóns, aínda que nun formato máis discreto.

PUBLICIDADE