YouTube dá prioridade ao HTML5 para a reprodución de vídeo

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A emerxencia dos dispositivos móbiles chocou de fronte coa tecnoloxía Flash, que era todo un estándar para a publicidade web e a reprodución de vídeos en liña, e ante as moitas dificultades de trasladar unha tecnoloxía deseñada para o escritorio aos móbiles, a meirande parte de compañías apostaron por alternativas baseadas en estándares como o HTML5. YouTube conta cun reprodutor de vídeo en HTML5 dende hai uns catro anos, pero que até o momento era opcional, pero neste tempo foi dándolle cada vez máis peso, de xeito que a partires de agora o HTML5 xa é o xeito predeterminado no que amosa os vídeos, o que supón un cambio decisivo para a web.
Nos últimos anos YouTube estivo a colaborar para o avance do HTML5 na reprodución de vídeo, e agora, cando un usuario acceda á súa web con Chrome, Internet Explorer 11, Safari 8 ou unha beta de Firefox os vídeos cargarán empregando esta tecnoloxía, o que supón un importante avance que achega beneficios que van máis aló dos navegadores web de escritorio, xa que facilita que outros dispositivos como televisores conectados e outros trebellos que permiten a reprodución de streaming poidan acceder a vídeos en liña para a súa doada reprodución.
Dende YouTube tamén lembran que o HTML5 facilita tirar proveito do codificador VP9, que permite mellorar a calidade dos vídeos reducindo o largo de banda preciso nun 35%, facendo tamén que os vídeos en 4K ou os vídeos en alta definición a 60 cadros por segundo poidan comezar a súa reprodución entre un 15 e un 80% máis rápido.
YouTube tamén facilita a publicación de contidos con tecnoloxías como o estándar WebRTC, que tamén permite realizar transmisións en vivo sen precisar de plugins, o que fai cada vez máis doado comunicarse co mundo a través do vídeo.

PUBLICIDADE