YouTube busca chegar a novos dispositivos para gañar usuarios

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Só en teléfonos móbiles, a web de vídeos YouTube ten na actualidade 500 millóns de usuarios, unha taxa de audiencia que se duplicou nun só ano pero que non é dabondo para os directivos da compañía, que queren incrementar a audiencia do seu servizo de vídeos por Internet facendo que estea dispoñible en máis dispositivos conectados e engadindo novos contidos.
Así o vén de afirmar un alto executivo da filial de Google, en concreto Robert Kyncl, quen engadiu que pretende facer de Youtube “unha parte máis central da vida dos seus espectadores”.
Xa que logo, o vindeiro desafío para o popular servizo de vídeos na Rede, que xa ten 800 millóns de usuarios ao mes, é facer que os internautas pasen máis tempo na web, e unha maneira de facelo é chegar ao maior número de dispositivos posibles dende os que se poidan conectar os usuarios.
Segundo Kyncl, que ata fai ano e medio traballaba no rival en liña Netflix, “cantos máis dispositivos teñan acceso a Internet, máis formas terán os consumidores de ver YouTube”, e é que malia que YouTube xa funciona en preto de 350 millóns de dispositivos, incluídos tablets, teléfonos e televisores, o certo é que non deben ser dabondo para a compañía.

PUBLICIDADE