YouTube amplía o límite de duración dos seus vídeos a 15 minutos

xoves, 29 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A principal limitación que teñen os vídeos subidos polos usuarios a YouTube xa non é nin o seu tamaño de ficheiro nin a súa resolución (soporta calidades superiores á alta definición) senón que continúa a ser a duración en tempo dos seus clips, medida implantada no servizo principalmente para evitar a piratería audiovisual, de xeito que dificultan a carga na súa web de episodios de series de televisión e de películas, pero para moitos usuarios con contidos lexítimos é un atranco a limitación de 10 minutos por vídeo, e finalmente, e grazas a que na actualidade están a funcionar con bastante éxito outros sistemas de control de dereitos de autor, decidiron ampliar a lonxitude dos vídeos de YouTube a 15 minutos.
Para celebrar esta mellora de YouTube organizan unha campaña chamada 15 minutos de fama a través da que convidan aos usuarios a resumir a súa vida para o mundo en 15 minutos e etiquetalo coa clave yt15minutes antes de 4 de agosto e, de ser seleccionado ese vídeo, aparecerá na portada coma clip destacado, dando os desexados 15 minutos de fama que predicaba Andy Warhol.

PUBLICIDADE