YouTomb: historiais completos do censurado no YouTube

luns, 26 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

En YouTube hai unha trampiña que se abre e pola que se coan todos aqueles vídeos que poden achegar problemas de calquera índole. Ben por resultar unha violación dos dereitos dos autores dos vídeos ou ben porque non presentan contidos axeitados. O caso é que probablemente haxa moito no que roer cunha boa parte das obras que chegan, e segundo informa o Navegante moitas delas figuran detalladas logo no YouTomb, un espazo web de estudantes do MIT que informa de todo o que se borra no dito servizo logo de que o propietario dea o toque de atención.
YouTomb, que non só dá acubillo a aquilo que viola dereitos de autor (comportándose coma unha especie de reverso en negativo do YouTube, pero sen vídeos), ofrece completos datos sobre cada unha das pezas malditas: quen pediu a supresión, o período de tempo en que a obra ficou pendurada, a descrición da mesma ou a cantidade de visitas recibidas.
A web en cuestión ten o seu xermolo no día mesmo en que YouTube anunciou a posta en marcha dun algoritmo que se comportase coma a man que acciona a trampiña para ir quitando vídeos problemáticos do medio. Ou sexa: falamos dun sistema para curar a YouTube en saúde e localizarlle de xeito automático todo aquilo que levase en potencia unha violación dos dereitos de autor.
O algoritmo en cuestión foi anunciado con certa reserva, case con desleixo, polo que se conseguiu o que se consegue con toda a información incompleta: picar a curiosidade dos oíntes. De aí a que os devanditos estudantes do MIT comezaran a esculcar no miolo do seu funcionamento e albiscar posibles erros só houbo en paso. En realidade, YouTomb só é un espazo de datos. Quen queira ver os vídeos que caeron do YouTube darase cun canto nos dentes. A día de hoxe, a ferramenta rastrexa polo miúdo en máis de 225.000 gravacións e xa localizou e achegou datos de case 20.000 vídeos eliminados.

PUBLICIDADE