Yoloreparo consolida dende Vigo a fórmula dos usuarios reparadores dos seus propios dispositivos

mércores, 4 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Daniel Graña, xerente de Yoloreparo e fundador de SATVigo

A empresa viguesa SAT puxo en marcha en Vigo un laboratorio pioneiro (segundo indican, “o primeiro das súas características en Europa”) aberto aos usuarios de dispositivos onde estes poden amañar e poñer a punto os trebellos de seu en poucos minutos. Chámase Yoloreparo e achéganos entre outras cousas uns boxes de feitura futurista no número 219 da rúa Travesía. Preséntase como un establecemento accesíbel con todas as ferramentas precisas para un correcto arranxo e actualización técnica, manuais e un técnico especializado ao seu dispor. Segundo apunta Daniel Graña, xerente de Yoloreparo e fundador de SAT, outro dos puntos a ter en conta é que neste servizo ofrécese a posibilidade dunha reparación a un custo moi reducido. A clave está en facilitar que nos convertamos en reparadores da nosa propia tecnoloxía. Isto non é unha utopía. Para Graña, está claro que “hoxe en día calquera pode cambiar unha pantalla, colocar un altofalante ou instalar unha batería nova”. A proba disto: polo obradoiro xa pasa unha media de 15 clientes ao día, e a cifra vai medrando.
A maiores do devandito, cómpre sinalar que grazas ao sistema de manuais actualizados de Yoloreparo calquera cliente pode emendar os aparellos TIC de terceiros, acadando así unha actividade emprendedora a un custo mínimo e cun amplo mercado potencial.
-Por que este que estamos a vivir é o momento axeitado para que os usuarios de dispositivos móbiles nos animemos a pór a punto os nosos aparellos? Dito doutro xeito: porque agora e non antes? En que se diferencia a tecnoloxía móbil de hai uns anos da de agora?
-Os motivos son principalmente dous. O primeiro é que cada vez a arquitectura dos móbiles é mais sinxela. Hai dez anos entraban no noso taller teléfonos como o Motorola Star Tac, Nokia 8210 ou o popular Alcatel One Touch Easy e aparte de trocar pantallas, pois os técnicos metíanse en reparacións moi delicadas de placa base, cambiar chips, para o que moitas veces facía falla ter coñecementos bastante avanzados de electrónica e ferramentas que non estaban ao alcance de todo o mundo. Na actualidade o 80% das reparacións consisten en trocar peza por peza, se falla a pantalla, a trócalas e listo, igual ca a batería, as conexións, etc. O segundo motivo é que cada vez a xente anímase máis a facer estas reparacións, ven titorías en YouTube ou en webs e finalmente collen folgos para meterlle man aos seus equipos.
Daniel Graña, xerente da firma galega SAT-É certo que calquera usuario cun mínimo de coñecemento tecnolóxico está en disposición de reparar o seu móbil ou poñelo a punto? Que pasa cos que non destacan precisamente pola súa habilidade para arranxar cousas electrónicas?
-Tanto nun caso coma noutro podes facelo, soamente tes que ser un pouco atrevido. A verdade é que para trocar una pantalla, unha batería, unha carcasa ou un conector non fai falla ter ningún
coñecemento de electrónica, simplemente saber usar un desaparafusador e facelo con coidado e seguindo os pasos.
-Como se vos ocorreu a idea de poñer en práctica un laboratorio aberto para os usuarios de móbiles?
-A idea veu principalmente das estadísticas de entrada de equipos no noso SAT. Notamos un incremento considerable de xente que tentaba mudar una pantalla por outra e que sen querer remataban por romper o cable flex, por exemplo. Doutra banda, moita xente que merca pezas na nosa web fainos consultas de como inserilas e pensamos que facer un laboratorio deste tipo podería ser moi beneficioso para ambas partes.
-Tendes algunha cifra sobre o uso que os vigueses lle están dando ao voso "obradoiro"?
Pois tendo en conta que temos unha media de 15 clientes diarios, iso serían uns 75 semanais e polo tanto uns 300 mensuais. De todos os xeitos, non só son clientes de Vigo, xa que hai xente que vén de todas as localidades próximas como Nigrán, Porriño. Tui, Ponteareas, e mesmo de sitios mais afastados como Ourense, Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Cerceda...
-Faládenos brevemente de como funciona a iniciativa Yoloreparo. Poñamos por caso que teño un aparello coa pantalla rota e quero cambiarlla, que podo facer no voso laboratorio?
-O primeiro que terías que facer é entrar na web yoloreparo.com ou satvigo.com para pedir cita. Unha vez que veñas, accederías a un posto de traballo con todo o equipamento preciso, no caso dunha pantalla os trebellos habituais son os desaparafusadores, algunha espátula, pinzas... Se o cliente ten coñecementos empezaría a facelo dende o intre en que entra nas nosas dependencias, e se non é é así contaría co asesoramento do noso técnico, que lle explicaría como artellar o traballo desde cero. Na nosa web temos un amplo catalogo de titorías das que o cliente pode axudarse ou, se o prefire, tamén ten un ordenador con acceso a Internet no que consultar calquera dúbida que poida xurdir. Normalmente, en media hora estaría lista a reparación ou a posta en punto.

PUBLICIDADE