Yoigo rebaixa a súa tarifa Sinfín a 8 GB

mércores, 2 de setembro do 2015 Redacción

A operadora Yoigo lanza oficialmente esta semana unha nova tarifa de seu, a Sinfín 8G, un paquete que en palabras da compañía “vén para ficar” e que representa, por outra banda, “a mellor tarifa do mercado no ámbito dos servizos de telefonía móbil a nivel estatal”. Entre outras cousas, engaden fontes da firma nun comunicado en PDF, salienta por fornecer (como ben indica o seu nome) chamadas ilimitadas e 8 GB de datos por 29 euros ao mes, IVE incluído. Esta oferta estará dispoñíbel dende o 3 de de setembro. Yoigo apunta a que a tarifa fíxose tras un longo estudo das necesidades de datos e voz dos clientes de seu. Porén, non deixa de ser un dato rechamante o feito de que esta achega SinFín rebaixe a 8 GB os 20 GB sen limite de velocidade que se subministraban na anterior SinFín lanzada en marzo con vixencia de tres meses.
Volvendo á proposta presente, sinalar os devanditos 8 GB de datos pódense gozar a alta velocidade até 4G e, en caso de consumilos, podemos seguir navegando de maneira indefinida a unha velocidade de até 128 Kbps. Sexa como sexa, explícase, “en ningún caso se interromperá o fluxo de datos nin se cobrará o exceso de xeito adicional”.
Polo que respecto ás chamadas, son ilimitadas sempre e cando se sigan “unhas normas de uso razoábel” a fixos e móbiles nacionais, a calquera hora do día e todos os días da semana. Permítese o acceso, a través desta oferta e sen custo engadido, a servizos de chamadas de voz e vídeo-chamadas VoIP tirando partido dos datos incluídos na tarifa, que é tanto para clientes novos como para usuarios antigos, amais de non vir con compromiso de permanencia.

PUBLICIDADE