Yelmo anuncia a dixitalización ao cen por cen das súas salas galegas

martes, 4 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Yelmo Cines, empresa española con espazos de exhibición na Coruña e Vigo, vén de informar da dixitalización das máis de 400 salas que ten ao longo e ancho do territorio estala, das que 21 pertencen á cidade herculina (Os Rosales e Espazo Coruña) e 10 a Vigo (Yelmo Cines Vigo). Este proceso significa, entre outras cousas, o paso definitivo dunha tecnoloxía, a analóxica (en formato 35 mm, coas bobinas de película en celuloide que acompañaron a historia do cinema), a outra, a dixital, a que favorece, entre outras cousas, a desaparición de raias, empalmes e defectos de son (aínda que isto, todo hai que dicilo, tamén tiña o seu aquel).
Segundo informa a compañía, Yelmo Cines é o primeiro grupo en ofrecerlle ao público a dixitalización ao 100% dos seus proxectores, que arestora son 400 emprazados en 34 cinemas. O obxectivo desta aposta, engade a empresa, é “achegar a mellor experiencia de cine posible, subministrando unha calidade de imaxe coa maior resolución e un son insuperábel”. Cun investimento de 120.000 euros por sala, a día de hoxe unha boa cantidade dos cinemas da cadea teñen calidade 3D, “un feito que significa importantes melloras tanto para a industria como para o espectador”, sosteñen fontes da empresa.
Estes son, segundo apunta a firma, os piares que sosteñen a nova tecnoloxía:
· Calidade constante. “En 35 mm era inevitábel que un filme perdese calidade tras 25 pases, xa que os materiais teñen un desgaste nas máquinas analóxicas e aparecen manchas; agora, grazas ao dixital e á alta definición, calquera contido pode reproducirse durante 10 anos seguidos sen perder claridade de imaxe e de son”.
· Flexibilidade na programación. A dixitalización, di o grupo, facilita a xestión da programación nos cines, “xa que cos novos soportes e servidores pódense proxector unha gran variedade de contidos así como ampliar os horarios”.
· Diversidade de contidos. Coa nova tecnoloxía “pódese emitir en directo todo tipo de eventos culturais e deportivos”.

PUBLICIDADE