Yahoo! e Microsoft unen forzas para competir con Google

mércores, 29 de xullo do 2009 Raquel Noya

A multinacional estadounidense Microsoft, logo de sorprendernos coa apertura das súas primeiras tendas físicas en Arizona e California, volve de novo á carga anunciando un acordo de colaboración con Yahoo!, “a fin de unir os seus sistemas de procura e publicidade para competir co todopoderoso Google”.
O acordo, que aínda está suxeito á aprobación das autoridades de competencia de EEUU, suporá a adquisición dunha licenza exclusiva por parte de Microsoft para dispoñer das principais tecnoloxías de Yahoo! durante 10 anos.
Pola súa banda, o popular buscador será responsable de vender a publicidade nos servizos de procuras de ambas as dúas empresas e de aportar a súa tecnoloxía para o funcionamento do novo motor de búsqueda de Microsoft: o Bing.
As dúas firmas, segundo veñen de anunciar nun comunicado, manterán a plena autonomía de todas as súas demais actividades (sitios de información, correo electrónico, publicidade tradicional…) e, aínda que non percibirán diñeiro en efectivo, Yahoo! estima que a participación nos ingresos engadirán uns 500 millóns de dólares anuais ás súas cifras “cando a unión marche a velocidade de cruceiro, dentro de dous anos”.
A nova foi lanzada en primeiro lugar polo blog AllThingsDigital, que adiantou que “Yahoo! quedaría con nada menos que o 110 por cento dos ingresos totais, mentres que o terceiro ano esta porcentaxe baixaría ao 90 por cento”.
Ao final, logo de ter rexeitado varias veces a oferta de compra por parte do xigante do software americano, as cousas semellan rematar ben para Yahoo!, que de seguir adiante co proxecto, podería obter miles de millóns de dólares en beneficios por esta iniciativa.

PUBLICIDADE