Yahoo! adiántase a Google nas procuras a través do móbil

martes, 20 de marzo do 2007 Raquel Noya

Yahoo!, que nos últimos anos leva unha continua (e en ocasións semella que inútil) loita por desbancar a Google da súa posición de líder na procura de contidos en Internet para o ordenador, vén de dar estes últimos meses pasos axigantados nesta teima superando finalmente ó seu rival nun punto ben concreto: no emerxente mercado de telefonía móbil. Dende que o pasado luns 19 de marzo, Yahoo! introduciu un novo sistema de procura na web para usuarios de móbiles, baseado no envío de respostas salientables cunha única procura e non cunha listaxe de ligazóns (como fan os outros buscadores), colocouse por diante do xigante norteamericano Google.
OneSearch, o servizo de Yahoo! para telefonía móbil, difire no xeito no que se fan as procuras por ordenador, concretando as buscas en poucos pasos (menos que Google) e ofrecendo información específica dun lugar próximo ó usuario, facendo un varrido do tráfico local, que é o que normalmente lles interesa ós que solicitan esta aplicación.
Cada vez máis, as compañías concentran tódolos seus esforzos en integrar novos servizos en liña para os teléfonos móbiles e acadar un mercado pouco explotado até o de agora e, polo visto, esta batalla (que non a guerra) gañouna Yahoo!, que xa lle ofrece o seu servizo ó 85 por cento dos móbiles con buscador en EE UU; polo que Yahoo! 1- Google 0.

PUBLICIDADE