Xunta e SGAE presentan unha playlist con máis de dous milleiros de temas para escoitar o Camiño

venres, 10 de decembro do 2021 S. P.

A Xunta e a Fundación SGAE presentaron unha proposta musical para amplificar, cos nosos dispositivos, a nosa experiencia no Camiño de Santiago. Trátase da playlist Escoita o Camiño. Escoita Galicia, composta por 2,022 temas dun milleiro de grupos de artistas galegos. Forma parte dunha campaña de promoción internacional que busca achegar aos camiñantes e ao resto de público a nosa riqueza musical e cultural no marco da celebración do Xacobeo 21-22.
Con tal fin, ofrécese a través da canle Spotify unha escolma que reúne o número simbólico de 2.022 temas de 1.000 artistas e grupos galegos, agrupados en 22 listas de reprodución temáticas, das que 13 xa estarán operativas nos vindeiros días.
A súa difusión focalizarase inicialmente nos albergues e noutros puntos destacados do Camiño de Santiago en Galicia, mediante códigos QR para o acceso directo á playlist, así como mediante as redes sociais.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación aos medios do proxecto xunto a Teo Cardalda, presidente do Consello Territorial da SGAE; Juan Carlos F. Fasero, director de Comunicación Pública e Red Territorial da SGAE, e outros colaboradores da iniciativa.
Por certo que o mesmo lugar que acolleu o acto, a Sala Germán Coppini, na sede da SGAE en Santiago, será o escenario para a celebración musical do arranque de Escoita o Camiño. Escoita Galicia, na que Carlangas, cantante de Novedades Carminha, e Baiuca, compartirán escenario por vez primeira para ofrecer unha sesión DJ.

PUBLICIDADE