Xornalistas e blogueiras de Rusia e Letonia visitan Galicia para coñecer a nosa oferta turística

venres, 20 de outubro do 2017 Redacción

Xornalistas e blogueiras rusas percorren estes días a nosa terra convidadas por Turismo de Galicia para coñecer os aspectos máis senlleiros da oferta turística galega, o que as levará a visitar parte do territorio das catro provincias ata o próximo domingo.
Ademais, entre hoxe e o vindeiro luns, un grupo de xornalistas e técnicos da Televisión de Letonia visitan Galicia para coñecer o Camiño Francés e a ruta Fisterra Muxía, ademais de Santiago de Compostela, meta da peregrinación xacobea.
As rusas, Olga Rastegaeva, blogueira de Orange Traveler, Olga Baklanova, blogueira en Вся Соль; e as xornalistas Anastasia Makina, da revista Women Health; e Olga Koynova, da publicación Ural Airlines Magazine, participan nesta viaxe de familiarización co destino turístico Galicia, organizada por Turismo de Galicia.
As visitantes teñen a oportunidade de coñecer o Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela, e comprobar a súa influencia en Galicia como destino turístico de características propias. Ademais, están a visitar distintas contornas de costa para coñecer as posibilidades de Galicia neste eido, asociadas á natureza e á cultura.
Na súa estadía en Galicia, tamén poden coñecer distintas vilas costeiras galegas, así como contornas urbanas do interior de interese monumental e turístico.
As xornalistas e blogueiras de Rusia visitan todos os bens Patrimonio Mundial da Unesco e coñecen produtos relacionados coa marca do Turismo de Galicia como a Ruta da camelia, Paseando entre viñedos ou Patrimonio oculto.
Por outra banda, visitan varias adegas de distintas denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia e teñen a oportunidade de gozar da gastronomía de Galicia en distintos restaurantes e locais de hostalaría da Comunidade galega.

PUBLICIDADE