Xornada sobre a análise e solucións de virtualización no CDTIC

mércores, 13 de xuño do 2012 Redacción

Mañá o Centro Demostrador TIC acollerá unha xornada a cargo da empresa Bull sobre a análise e solucións de virtualización. A sesión está dirixida aos responsables da área TIC daquelas empresas galegas que dispoñan un CPD ou teñan prevista a súa instalación. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través da páxina web do Centro Demostrador TIC.
A sesión, que se celebrará de 11:00 a 12:45 horas, comezará coa presentación de como a optimización dos Centros de Proceso de Datos e a virtualización son elementos imprescindibles para poder alcanzar os obxectivos de eficiencia, flexibilidade e seguridade esixidos polas compañías.
A continuación, presentarase a estratexia de infraestruturas optimizadas para a virtualización de contornas críticas co servidor Bullion que presenta interesantes características como son: optimización da infraestrutura, redución dos custes operacionais e protección da inversión.
No relatorio seguinte, o experto Tomás von Veschler, arquitecto de solucións en Red Hat presentará os beneficios e vantaxes diferenciais na Virtualización de Aplicacións Críticas de Negocio.
A sesión rematará cunha demostración do servidor Bullion, da empresa con sede en Galicia Bull, onde os asistentes poderán comprobar de primeira man os sistemas e funcionalidades desenvolvidos ao longo da mañá.

PUBLICIDADE