Xorde Biolandia, plataforma de internautas comprometidos cun estilo de vida san

mércores, 5 de xuño do 2013 Redacción

Ana Miño, impulsora da ecotenda Biolandia

É posíbel pasar dun pequeno espazo na Rede -que achegaba consellos e información sobre como levar unha vida sa ou como axudar a preservar o medio ambiente- a unha grande comunidade online, con tenda incluída. Biolandia é un bo exemplo disto, estamos a falar dunha iniciativa posta en marcha por un grupo de cidadáns que van á procura dunha vida natural. Máis polo miúdo, a creadora desta plataforma é Ana Miño, unha nai preocupada por dar o mellor ás súas fillas, que decidiu transformar o seu blog nunha empresa coa axuda de todos os seareiros/as do seu espazo, que nacía en maio de 2012.
Arestora esta páxina converteuse nunha ecotenda, onde se poden atopar produtos sans e naturais, aqueles que ela mesma recomendaba no seu blog. Apunta Ana Miño que a forte demanda de preguntas que recibía sobre onde mercar os produtos dos que falaba, foi o que a alentou a abrir esta tenda online, para servir de punto de encontro entre produtores e consumidores.
Deste xeito xorde Biolandia.es, un sitio web de produtos e servizos ecolóxicos que só vende o que foi probado e seleccionado con anterioridade polo equipo de Biolandia, incluída a súa propia fundadora. E que se pode atopar en Biolandia.es? Pois dende alimentos, viños, produtos para bebés, cosméticos, agasallos até un amplo abano de posibilidades en canto a turismo rural ou escapadas de fin de semana...
Outra baza coa que xoga Biolandia.es -segundo verbas da súa fundadora- “é o trato persoal e a experiencia”, pois existe unha relación directa entre provedores de produtos e vendedores; a isto hai que engadirlle a principal razón de ser dos produtos ecolóxicos, os innumerábeis beneficios que posúen. Cómpre informar que o termo de produto ecolóxico e a tendencia xeneralizada que os recolle denominada ecofriendly (amigo do ecolóxico) abrangue non só a un sistema de produción que evita o uso de fertilizantes químicos ou organismos xeneticamente modificados, senón a un conxunto de valores que perseguen o respecto ao medio ambiente e fomentan un xeito de vida máis sa e natural.

PUBLICIDADE