Xinzo presenta novo deseño web e anuncia sete puntos Wi-Fi

mércores, 3 de agosto do 2016 Redacción

O Concello de Xinzo de Limia vén de presentar varias novidades importantes relacionadas co tecnolóxico e que se dirixen, todas elas, a amplificar e mellorar os servizos de comunicación da cidadanía (e “coa” cidadanía). En primeiro lugar, estreará un novo deseño da web de seu, que terá un deseño responsive plenamente adaptado a todo tipo de dispositivos e grazas ao cal, sinalouse na presentación, “calquera cidadán poderá navegar sen complicacións”. Ademais disto, a páxina levou parello un traballo importante de posicionamento, co fin de que acabe por ser o elemento máis referencial e máis visíbel nos buscadores que empreguemos para procurar a web do concello.
Por outro lado o Goberno local tamén deu a coñecer a apertura de sete puntos de conexión a Internet de carácter público e baseados en tecnoloxía Wi-Fi. Trátase, informou o Concello, dunha serie de equipamentos que van permitir á veciñanza conectarse de balde á Rede e no propio casco urbano da vila ourensá. Habilitaranse na praza Carlos Casares, no parque do Toural, no Pavillón, nas piscinas, na Escola de Gaitas, no campo de fútbol e no Conservatorio de Música. Os puntos de conexión asegurarán boa calidade de servizo para trinta usuarios simultáneos conectados a cada un deles.
Volvendo á web, os representantes do Goberno local salientaron as súas posibilidades de comunicación e participación, de feito incorpora unha sección de vídeos onde se poderán ver as gravacións dos plenos municipais grazas ás cámaras instaladas no salón do consistorio. Ademais, abriuse a posibilidade de emitir plenos en directo.

PUBLICIDADE