Xiaomi convértese no segundo fabricante de móbiles a nivel mundial

venres, 16 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A consultora Canalys vén de publicar datos preliminares sobre o mercado global de smartphones durante o segundo trimestre de 2021 desvelando que Xiaomi conseguiu ascender até o segundo posto en vendas facéndose co 17% de conta de mercado, moi preto do líder (Samsung co 19%) e a unha considerable distancia de Apple (que cun 14% de cota sería o fabricante líder que menos medra en penetración de mercado). Tamén é salientable que os fabricantes nas posicións 4ª e 5ª, con 10% de cota cada un, sexan as compañías chinesas Oppo e Vivo. Está ausente dos primeiros postos o fabricante que hai pouco estaba chamado a liderar as vendas, Huawei, que practicamente é invisible fóra de China dende que non pode lanzar novos móbiles cos servizos de Google preinstalados.
O segundo trimestre do ano foi bastante complicado para os fabricantes, que tiveron que esforzarse principalmente de conseguir compoñentes para poder manter o ritmo de fabricación; e de cara aos vindeiros meses o punto de mira seguirá posto en Xiaomi, que de manter o seu ritmo de crecemento podería superar a Samsung en número de móbiles vendidos. En calquera caso cómpre lembrar que a cota de mercado refírese a número de dispositivos e non ao seu prezo, polo que se falásemos de volume económico Apple e Samsung estarían aínda a moita distancia dos fabricantes chineses, que quedan bastante por detrás en ingresos e beneficios.

PUBLICIDADE