Xesol, Tecalis e Situm mostran as súas revolucionarias tecnoloxías na Cidade da Cultura

mércores, 18 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Captura da aplicación Signen da firma galega Tecalis

Este 19 de abril as nosas empresas innovadoras locen talento e innovación na Cidade da Cultura. O motivo? A celebración dunha xornada tecnolóxica por parte do Clúster TIC Galicia, un evento que quere ser unha xanela ao noso potencial tecnolóxico e no que participarán empresas tan punteiras como Tecalis, Xesol, Situm ou Cinfo, entre outras. O evento celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, a partir das 9:30 horas, contando a sesión de apertura coa presenza de Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE, e de Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC Galicia. empresa viguesa Xesol Innovation (centrada na condución segura e intelixente e responsábel dun asistente de condución intelixente que achega máis ángulos de visión aumentada da contorna do automóbil) será a encargada de abrir o encontro co relatorio O coche do futuro: tecnoloxía para unha nova automoción.
Logo da intervención de Xesol, será a quenda da empresa de desenvolvemento de software Tecalis, con sede no Milladoiro (Ames), que mostrará os últimos avances na aplicación do blockchain ao mundo das transaccións (Tecalis, como lembraremos, é responsábel da plataforma Signen, unha tecnoloxía de seu que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo).
De seguido, o director do IGAPE, Juan Cividanes, moderará a rolda de presentación de produtos innovadores, na que se mostrarán servizos e solucións concretas como a tecnoloxía de xeolocalización en interiores de Situm, a plataforma de gamifación Dogoplay de Cleventy, a plataforma de intelixencia nos negocios Obsidian de Ozona, a tecnoloxía de retransmisións multipantalla de Cinfo, a plataforma cocoERP Alimentación de AVA e a plataforma para xuntanzas virtuais e presenciais con validez legal de Councilbox. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, será o encargado de clausurar o evento. Está prevista a asistencia de grandes clientes potenciais e investidores privados.

PUBLICIDADE