Xercode contribúe á plataforma de empréstamo de libros electrónicos da Universidade de León

venres, 20 de marzo do 2015 Redacción

A Universidade de León (ULE) conta dende finais do mes pasado coa plataforma Grial (Xestión de Recursos de Información Accesíbeis en Liña) para empréstamo de libros electrónicos e intercambio de publicacións científicas. Detrás de Grial atópanse o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Castela e León (BUCLE) e empresa galega Xercode, entidades que tamén estiveron representadas no acto oficial de presentación en León dunha plataforma cuxa primeira instalación se fixo na Biblioteca da Universidade de Salamanca.
En que se beneficiarán os usuarios da biblioteca? Pois poderán acceder, mediante a Plataforma Grial, á descarga e lectura de documentos dende calquera dispositivo, así como á lectura en liña dos contidos mediante streaming accedendo á web da plataforma, ou a través da biblioteca universitaria.
No acto de presentación de Grial, celebrado na Biblioteca San Isidoro, salientouse a importancia da colaboración entre universidades para o desenvolvemento da Plataforma, que permite pór en acceso público aos seus usuarios máis de 2.300 títulos propios a través de intercambio universitario.
O vicerreitor de Investigación, Alberto Vilena Cortés, comentou que “os sistemas electrónicos van facer posíbel que a través da web se poida ter acceso a unha grande nube que nos permitirá abrir un campo moitísimo máis amplo do que dispoñíamos até o de agora”.
A Plataforma Grial súmase así ás plataformas xa existentes noutras universidades creadas coa tecnoloxía galega XeBook, que permite o empréstamo aos usuarios e o intercambio científico interuniversitario. Tecnoloxía da que xa gozan, amais das Bibliotecas de Bucle, as Bibliotecas Universitarias de Santiago de Compostela, Murcia e Cádiz.

PUBLICIDADE