Xabier Crespo (SC Robotics): “Tiñamos a necesidade de contribuír a mitigar con tecnoloxía o impacto da pandemia”

mércores, 8 de xullo do 2020 S. P.

Entre os proxectos finalmente seleccionados no HACKatHOME, o hackathon virtual organizado pola axencia autonómica GAIN para dar resposta a cinco retos antiCOVID durante catro xornadas, atópase, como dixemos, un innovador dispositivo para minimizar o contacto con superficies como pantallas informativas ou máquinas de vending. Estamos a falar do dispositivo SC Touchless, desenvolvido polo equipo TouchLess Technologies, formado por profesionais da empresa viguesa SC Robotics e da firma madrileña Ubiquo Techs, que contaron co asesoramento de Iago Soto, da galega Quobis. A súa proposta foi achegada ao reto de solucións de baixo contacto. Falamos desta importante contribución galega á fronte común antiCOVID con Xabier Crespo, de SC Robotics.
-Ola Xabier, queremos saber máis detalles sobre o voso proxecto. Nos comentades que non é unha proposta duns poucos días, senón unha iniciativa longamente traballada. Canto tempo levades traballando nela? Como xurdiu?
-A necesidade de dispoñer dun dispositivo que permitise interactuar con outras máquinas sen necesidade de contacto xurdiu durante o Estado de Alarma. Ben é certo que xa existen solucións coma podería ser o Kinect de Microsoft, pero nos consideramos que había oco para outros dispositivos que tivesen un prezo máis axustado a cambio de detectar xestos máis sinxelos. Durante o confinamento fixemos os primeiros prototipos desde a casa e agora mesmo xa temos unha versión máis profesional que pode ser fabricada a gran escala.
-No HACKatHOME fíxose fincapé no feito de que SC TouchLess é un proxecto a dúas mans. Mellor dito: a dúas empresas. Por unha banda a viguesa Scrobotics e pola outra a madrileña Ubiquotechs, asesoradas por Iago Soto da empresa Quobis. Cal é o segredo para que unha proposta tan colectiva e plural funcione ben e achegue innovación de primeira calidade?
-En primeiro lugar todos tiñamos a necesidade de contribuír na medida do posible a mitigar o impacto da pandemia que estamos a vivir. Ademais, creo que é clave que tanto SC Robotics como Ubiquo Technologies sexan dúas pequenas que se complementan perfectamente. Cada un de nós ten claro quen ten máis experiencia e en que. Temos poucos recursos, así que a colaboración é clave á hora de innovar.
-Dádenos algún detalle concreto, a maiores, de SC TouchLess que tivera quedado no tinteiro durante o desenvolvemento de HACKatHOME...
-Cando comezamos a traballar no proxecto tiñamos claro dous obxectivos, tiña que integrarse facilmente coas máquinas que hai no mercado e debía transmitir a sensación de seguridade ao usalo. O primeiro conseguímolo grazas á conexión USB que nos permite empregalo sen necesidade de instalar nada. Para conseguir o segundo obxectivo fixemos un par de cousas: se alguén toca o dispositivo emitimos unha alerta e ademais, grazas á tecnoloxía que usamos, pode ser desinfectado con calquera dos produtos que xa nos habituamos a usar no día a día.
-Que aportou SC Robotics e cal foi a contribución de Ubiquo Techs? E a de Quobis?
-SC Robotics, á empresa da que eu formo parte, encargouse do deseño do dispositivo hardware. Ubiquo Technologies ten moito máis coñecemento ca nós á hora de deseñar software e experiencias dixitais, así que eles centráronse máis na parte de usabilidade e de potenciais casos de uso. Por último, a xente de Quobis en xeral, e en particular o seu CMO Iago Soto, foi de gran axuda á hora de darlle un enfoque máis comercial ao proxecto e atopar novos clientes.
-Tendes algún proxecto máis entre mans?
Agora mesmo puxemos moitos recursos neste tipo de dispositivos sen contacto porque é unha oportunidade única. Xa temos as primeiras ventas en España, América Latina e Estados Unidos. Ademais estamos facendo deseños a medida para clientes que precisan interfaces algo diferentes, pero non podemos adiantar nada inda.

PUBLICIDADE