Xa se pode escoitar a emisora de radio de Renfe a través da súa páxina

mércores, 5 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A partir de agora, teremos a sensación de ir en tren mesmo cando non imos. Esta lea vén a conto porque, segundo se nos conta hoxe dende Xornal, a compañía Renfe vén de presentar a súa propia emisora de radio, que poderemos recibir durante todo o día a través da súa páxina web. En realidade, a cadea será unha cadea ao uso, coas súas lóxicas particularidades temáticas. Ou sexa, nada de sons propios este medio de transporte dirixidos a favorecer unhas cabezadiñas na sala de estar, imaxinando que imos lonxe. O miolo da canle serán mensaxes informativos e comerciais, amais de música variada, iso si, cun nexo común: que teña relación co mundo do tren. Aproveitamos para darlle á empresa unha suxestión de primeira: Andrés do Barro e a súa lendaria canción acerda da viaxe sobre raís.
Renfe Radio poderá escoitarse na páxina premendo na icona habilitada para tal efecto, aínda que tamén se contempla a posibilidade de habilitar a emisión noutros escenarios, como por exemplo no propio tren e nos puntos de venta. A idea da compañía de trens con este desenvolvemento é mellorar na medida do posíbel o seus servizo e máis o trato que se lle ofrece os usuarios deste medio de transporte.

PUBLICIDADE