Xa podemos votar pola Palabra do Ano 2023

xoves, 14 de decembro do 2023 S. P.

Entramos na recta final de ano e a Real Academia Galega (RAG) achéganos unha das nosas votacións preferidas na Rede: a elección da que sería a palabra galega do ano. Este ano compiten seis significativos termos: biodiversidade, cibercarracho -a, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño -a. O de “significativos” vén a conto porque novamente estamos ante media ducia de espellos da realidade na que estamos mergullados e dos acontecementos recentes de toda índole que nos trouxo o ano que está a piques de rematar.
Estas son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A partir deste 14 de decembro e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, poderemos votar pola nosa opción favorita a través do Portal das Palabras, a páxina web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, que confirman que “todas as finalistas están relacionadas con preocupacións sociais en aumento ou acontecementos que deixaron unha fonda pegada na cidadanía por diversos motivos, e que se reflectiron de maneira reiterada na primeira fase da campaña, centrada na recolla das propostas da cidadanía”.
Nunha análise máis pormenorizada de cada termo, a RAG e a Fundación Barrié lembran que a preocupación polo impacto da acción humana sobre o medio natural é unha constante que se plasma no proceso de elección da Palabra do Ano, e desta volta entre as palabras finalistas figura biodiversidade, substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema. “O termo”, engaden, “evoca nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións”.
Polo que se refire á inclusión de cibercarracho, as dúas entidades recordan que a súa presenza débese á dixitalización da sociedade, “un proceso cheo de oportunidades, pero tamén de ameazas como o incremento da ciberdelincuencia, un fenómeno que nos últimos doce meses afectou a moitos particulares e mais pequenas e grandes organizacións do país e de todo o mundo”. Á persoa que comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle ciberdelincuente, segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo predicamento o termo cibercarracho -a. “Este neoloxismo de carácter coloquial”, explica a RAG, “permite que dende o humor chamemos a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante os ciberataques”. A voz fórmase a partir do prefixo ciber-, que resulta do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.
Outra finalista é cooficialidade, palabra que designa aquilo que é oficial canda outra realidade, “e que no noso contexto aplicamos ao conxunto de linguas que comparten oficialidade”, lembra a RAG, engadindo que “con ela sinálase o paso adiante dado este ano no recoñecemento do galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu uso normalizado no Congreso dos Deputados”. E chámase tamén a atención sobre os aínda pendentes para reparar a marxinación histórica do galego e da discriminación dos seus falantes, na liña do expresado pola propia RAG na declaración institucional difundida o pasado mes de novembro.
Por outra banda, a Real Academia Galega recorda que neste 2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos: “A campaña da Palabra do Ano rexistrou moreas de voces propostas que constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto fundamental que está a ser vulnerado de maneira indiscriminada nos últimos conflitos bélicos que conmocionan a comunidade internacional, pero que tamén se esquece decote en calquera recuncho do planeta dende as primeiras liñas, nas que se recolle a igualdade de todas as persoas sen distinción ningunha de cor, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”. Por iso entre as voces finalistas figura o sintagma nominal dereitos humanos. Dereitos humanos é a adaptación ao galego da paremia creada pola ONU, común nas linguas da contorna: direitos humanos en portugués, diritti umani en italiano ou human rights en inglés.
Polo que respecta ao sintagma nominal educación emocional apareceu entre as propostas canda outras que teñen en común referirse á saúde mental da poboación en xeral e da infancia e a mocidade en particular. “A pandemia”, prosegue a RAG, “supuxo un punto de inflexión na visibilización desta cuestión na conversa pública, un dos primeiros pasos necesarios para abordala de maneira efectiva”. Deste xeito, o interese nela non decaeu nestes meses e cada vez se está a falar máis da necesidade de incorporar a educación emocional a todas as etapas formativas para mellorar as relacións interpersoais, a capacidade de facer fronte aos retos que presenta a vida e o benestar persoal.
A RAG e a Fundación Barrié tamén fan saber que a fase de suxestións deixou a maiores “diversas voces que agradecen a existencia da xente que coa súa maneira de ser fai mellor a vida de quen as rodea e da súa comunidade”. De entre todas elas, a elixida como finalista é feitiño -a, voz tradicional do galego de uso moi estendido que, fronte a formas que poderían chamarse pseudogalegas como riquiño -a, tamén se refire dende o léxico patrimonial a “aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas”.
Unha aplicación para xogar co Dicionario
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan a todo o público a participar votar pola súa finalista favorita a través do Portal das Palabras. Nas edicións anteriores a votación popular proclamou como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado -a (2015) e corrupción (2014).
Alén do labor de divulgación do léxico galego a través do Portal das Palabras, ambas as institucións colaboran na aplicación Ximnasio Léxico, que ofrece unha serie de xogos baseados no Dicionario da Real Academia Galega, e que pode descargarse de balde para dispositivos Android e iOs. “As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir”, explican as dúas entidades.

PUBLICIDADE