Xa podemos votar en liña para elixir os Premios Benfeito de Consumo da UCGAL

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) anuncia a apertura das votacións para os Premios Benfeito de Consumo. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer as empresas e entidades que, co seu labor, contribúen de xeito significativo ao tecido socioeconómico galego. “Os Premios Benfeito de Consumo son, tamén, unha celebración da diversidade e a innovación das empresas galegas e unha oportunidade de mostrar ao mundo o que Galicia ten para ofrecer”, sinala a UCGAL.
Dende xa as persoas consumidoras galegas poderán implicarse directamente na elección das empresas gañadoras, a través dun proceso aberto de votación en liña.
A votación participativa na Rede vén dada porque a UCGAL considera “fundamental dar voz aos cidadáns e cidadás” e que sexan elas e eles “quen decidan que empresas merecen ser recoñecidas pola súa excelencia en produtos, bens de consumo ou servizos dirixidos ás persoas consumidoras e usuarias”.
Os Premios Benfeito de Consumo estrutúranse en varias categorías, Produtos Alimenticios, Produtos Non Alimenticios e Servizos, permitindo que unha ampla gama de empresas teñan a oportunidade de ser recoñecidas. Ademais, a xunta directiva da Unión de Consumidores de Galicia poderá outorgar unha ou máis mencións especiais a aquelas empresas que se destacan no seu campo.
A UCGAL convida a todas as persoas consumidoras e usuarias de Galicia a participar neste proceso de votación, coa finalidade de “garantir que os Premios Benfeito de Consumo reflictan verdadeiramente as opinións e experiencias das persoas consumidoras e usuarias galegas en relación coa calidade dos produtos e servizos que estas empresas poñen no mercado, así como a súa atención ao cliente”.
Entre todas as persoas que participen no proceso de votación e cumprimenten a devandita enquisa, sortearanse dúas cesta de produtos galegos valoradas en en máis 100 € cada unha delas.
Para máis información sobre os Premios Benfeito de Consumo, poden visitar a web consumidores.gal.


PUBLICIDADE