Xa podemos participar na nova entrega de Aprendo Programando, o certame para potenciar o ensino TIC

venres, 5 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Un certame para o lecer e para a formación TIC, collendo polo camiño onde conflúen ambos mundos. Este é o alicerce de Aprendo Programando, a iniciativa do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) que vai pola súa segunda edición e que se se dirixe a centros escolares de Galicia ao obxecto de integrar no seo do sistema educativo “o crecente emprego das novas tecnoloxías na nenez e na adolescencia”. Pois ben, segundo informa o CPETIG xa está aberto o prazo de inscrición para as rapazas e rapaces que queiran participar. A iniciativa desenvólvese este ano baixo un significativo epígrafe, por amosar unha clara intención de tirar abaixo, coas TIC, todo tipo de fendas e brechas de exclusión e discriminación: Convivir en igualdade.
Segundo engade a entidade profesional que preside Marcos Mata, a iniciativa representa “unha oportunidade para o alumnado de primaria e de ESO, que a través do concurso vai desenvolver habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación sen necesidade de coñecer unha linguaxe concreta”. Baixo o punto de vista do CPETIG, o ensino de novas tecnoloxías en idades temperás ten “un efecto inmediato e directo na consecución da competencia dixital”, facilitando aos escolares ferramentas que lles son útiles para enfrontarse aos seus retos persoais, académicos e posteriormente profesionais.
O concurso está aberto a tódolos centros escolares de Galicia. Nel poden participar alumnos e educadores, facendo cousas como formarse en programación a través do Scratch ou buscando a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Segundo lembra o CPETIG, cada centro participante terá que entregar, nos prazos establecidos, un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta Scratch entrando deste xeito a formar parte do concurso. Os centros interesados en participar poder consultar as bases e realizar a inscrición na páxina web do concurso aprendoprogramando.cpetig.org.

PUBLICIDADE