Xa podemos iniciar conversas por WhatsApp con negocios a través de códigos QR

xoves, 9 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Nun momento no que os códigos QR están a converterse en ferramentas moi prácticas para substituír elementos de uso común en locais públicos como as cartas dos locais de hostalaría resulta moi atinada a última novidade de WhatsApp Business, aplicación que facilita compartir o número de teléfono do negocio a través dun código QR que poida, por exemplo, colocarse no escaparate dos negocios, facilitando así o contacto a través do móbil por parte de clientes evitando a incomodidade de ter que introducir un número de teléfono manualmente na axenda de contactos do móbil.
Iniciar un chat a través dun código QR fai así moito máis accesible un negocio, pero a actualización de WhatsApp Business vai máis aló, e tamén facilita compartir catálogos de produtos e artigos individuais mediante ligazóns que poidan publicarse na web, en Facebook, en Instagram ou en calquera outro lugar (como conversas de WhatsApp), facendo que os establecementos comerciais teñan un xeito máis de difundir os seus produtos co público.
Ambas funcionalidades xa están dispoñibles a nivel global, sendo preciso instalar a última versión de WhatsApp Business para poder gozar das mesmas.

PUBLICIDADE