Xa podemos facer visitas virtuais ao Mercado de Tomiño
venres, 4 de novembro do 2016
A listaxe de mercados galegos que podemos
visitar virtualmente a través do Google Maps (de maneira integral e
asumindo de maneira plena as posibilidades deste servizo) vén de ser
obxecto dunha importante e salientábel incorporación. Trátase do
Mercado de Tomiño, recentemente remodelado e (agora) xa visíbel e
xa visitábel no
Google Maps e a disposición de todos os internautas estean no
recanto do mundo no que estean. Segundo
destacou hoxe o Concello, o Mercado de Tomiño é un dos primeiros da
nosa terra en apostar plenamente por este tipo de presentación ante
o mundo. O Concello tamén fixo saber que con esta acción “o
noso mercado emprázase nas buscas globais de Google”, con todo o
que isto implica.
As posibilidades son amplas: por unha banda
podemos facer dende o noso equipo ou dispositivo unha visita virtual
do interior do inmóbel e, pola outra, temos ao noso alcance unha
manchea de fotos de diferentes formatos (moitas delas en 360º) sobre
os diferentes servizos, actividades e puntos de venda do mercado.
Amais deste labor de difusión propiamente dito, o Concello de Tomiño
deu forma a un sitio web específico, www.mercadotomino.com,
e a un espazo
propio na rede social Facebook, onde xa se contan máis de tres
milleiros de seareiros.