Xa podemos consultar online as máis de 2.500 actividades programadas por Cultura este verán

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

A programación cultural impulsada pola Xunta en colaboración con distintas empresas e administracións locais (baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON )porá o foco este verán no “talento, profesionalidade e excelencia do sector” con máis de 2.500 propostas “diversificadas e repartidas por todo territorio”, en palabras do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen participou nun acto acompañado polo seu equipo no que se presentou a oferta cultural para os vindeiros meses.
Esta axenda, dixo, “reflicte o gran momento de crecemento e de pluralidade creativa que vive a cultura galega” e “que deixará pegada nos territorios nos que se ofrecerá xa que se prevé que mobilice 4M€.”
O acto foi presentado pola actriz Cristina Maró e contou coas intervencións de Xoán Quintáns, director do Festival Revenidas, e de Soledad Felloza, directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Ademais, a compañía Desastronauts realizou en vivo un número aéreo para a ocasión. Nel amosouse tamén a campaña CulturON que se porá en marcha esta semana en medios de comunicación e redes sociais para informar a cidadanía desta oferta, con recomendacións diarias e resumos semanais. Ademais, todas as actividades poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.
Como explicou Román Rodríguez, o Goberno autonómico favorecerá a posta en marcha, entre xullo e setembro, de máis de 2.500 actividades que abranguen todos os ámbitos da cultura con propostas dirixidas a todos os públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.
Museos
Rodríguez fixo mención á programación de 60 exposicións e máis de 200 actividades asociadas nos distintos museos e arquivos de xestión autonómica, con visitas guiadas e divulgativas e obradoiros familiares e infantís. Entre elas destacou Luz na Terra. Seminario de estudos galegos: unha institución de alta cultura, unha das grandes mostras do ano. Comisariada por Ramón Villares, inaugurarase este 4 de xullo (martes) no Museo Centro Gaiás como acto central da celebración do centenario da fundación.
A ela súmanse, entre outras, as conmemoracións do 30 aniversario do CGAC en Santiago ou a próxima inauguración de A Coruña no tempo, dentro do gran proxecto expositivo Cidades no tempo que percorre as sete principais cidades para reivindicar a Galicia urbana na identidade e cultura galegas. Ambas arrancarán tamén en xullo.
Artes escénicas e musicais
A programación cultural deste ano pon o foco de xeito especial no rural dentro da estratexia para ampliar públicos e “garantir o acceso á cultura a todas as persoas”, explicou o conselleiro, salientando propostas como o programa de dinamización do rural galego Territorio Cultura, para a que están previstos preto de medio cento de espectáculos, ou as 300 actuacións do circuíto Cultura no Camiño con propostas de artes escénicas e musicais en 88 municipios.
Tamén destacou as arredor de 70 iniciativas de teatro e danza, como o circuíto de teatro afeccionado de FEGATEa con 80 representacións e un público estimado de 5.000 espectadores, ou a MIT de Ribadavia que, na súa 39ª edición ofrecerá en xullo 20 espectáculos procedentes de España, Italia, Arxentina e Portugal. Ademais, o programa de música e baile tradicionais Danza 3 achegarase en verán a máis dunha decena de concellos cos espectáculos de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.
No eido musical, Román Rodríguez referiuse aos máis de 300 festivais de música, teatro e audiovisual, como os asociados a FEST Galicia. Tamén destacan propostas para a música de cámara como o Festival Bal y Gay con 13 concertos na Mariña lucense en agosto, o Festival Groba de Ponteareas ou o de Música Relixiosa Barcia de Mera.
Audiovisual e familiar
En canto ao audiovisual o conselleiro enxalzou o programa Redecinema que emprega o cinema como “ferramenta de dinamización lingüística con 18 proxeccións cinematográficas ao aire libre durante este verán noutros tantos concellos”. Tamén se apoiará, entre outras, ao redor dunha decena de ciclos e semanas de cine nalgún dos 13 cineclubs galegos en colaboración coa Federación de Cineclubs de Galicia.
Pola súa banda, o programa Falaredes (Política Lingüística) terá 55 pases con actividades como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición que percorrerá distintos concellos da Rede de Dinamización Lingüística. Entre as accións, inclúense propostas como Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que visitará 15 concellos co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudábeis entre a rapazada.
Bibliotecas
As bibliotecas públicas da rede que coordina a Xunta de Galicia contarán con máis de 800 de actividades de dinamización da lectura ao abeiro do programa Ler conta moito con contacontos, monicreques, actividades musicais ou audiovisuais. A furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, propón actividades como obradoiros de alfabetización dixital, escape rooms literarias, contacontos ou actividades vinculadas á escritura creativa e ilustración.
Ademais, no eido das letras, o circuíto de Feiras do Libro impulsado da man da Federación de Librarías de Galicia fará parada en xullo en Ponteareas e Rianxo e en agosto na Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. E no referido ao patrimonio, celebraranse distintas visitas divulgativas ás últimas intervencións realizadas.

PUBLICIDADE