Xa hai 10 millóns de aplicacións maliciosas en Android

venres, 7 de febreiro do 2014 Redacción

A listaxe de aplicacións maliciosas en Android vén de chegar a unha cifra de vertixe: os 10 millóns de entradas. Claro está que moitas delas non pasarán á historia por ter feito nada máis que ocupar un algo de espazo, pero a cifra está aí para quen queira reflexionar sobre ela e, tamén, sobre o futuro que nos agarda: un futuro no que programadores de malware pensarán principalmente en clave de móbiles. O devandito dato vén da man de Kaspersky Lab, que sinala que a finais de xaneiro de 2014 amoreáronse preto de 200.000 mostras únicas de programas maliciosos para dispositivos, un 34% máis dende novembro.
Estes datos, sinala a compañía de seguridade, “confirman o crecente interese por parte dos cibercriminais por atacar aos sistemas operativos móbiles, especialmente Android, por ser o de maior presenza”. A firma tamén recorda quen en 30 de xaneiro de 2014 a tenda en liña Google Play acubillaba xa 1.103.104 aplicacións e nos establecementos oficiais moitas máis. Para Kaspersky está claro que en moitos casos os criminais das redes empregan estas tendas con software lexítimo de Android para introducir os seus códigos maliciosos e así infectar aos usuarios que as descargan. “Na maioría dos casos”, engádese, “os programas maliciosos teñen como obxectivo roubar a información financeira do usuario”. Neste eido insírese precisamente a versión móbil de Carberp, un troiano que vén de Rusia e que é quen de roubar as credenciais do usuario que se envían ao servidor do banco.

PUBLICIDADE