Xa está lista a versión para iPhone de Spotify

luns, 27 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A xente de Spotify leva un tempo traballando nunha versión do seu servizo de streaming musical para o iPhone e o iPod Touch, e finalmente completaron a aplicación, remitíndolla xa a Apple para a súa validación de cara a incorporala na App Store, o que poderá acontecer nos vindeiros días.
Para ir abrindo boca, dende o blog da compañía publican un vídeo no que podemos ver que a versión de Spotify para o iPhone permite a sincronización offline de listaxes de reprodución creadas no escritorio para poder escoitar as nosas cancións favoritas cando non teñamos conexións á Rede, tira proveito das notificacións push para poder reflectir os cambios nas nosas listaxes ao momento e conta con opción de busca no catálogo de Spotify.
De todos os xeitos, hai que lembrar que a versión móbil de Spotify está restrinxida aos usuarios de pago, que por 9,99 euros/mes non só poden librarse de escoitar publicidade, senón que tamén poderán gozar das versións móbiles do servizo (que tamén pode achegarse a terminais con Android).


Demostración das funcionalidades de Spotify para o iPhone

PUBLICIDADE