Xa é posible empregar Periscope sen ter conta de Twitter

martes, 12 de maio do 2015 Marcus Fernández

A aplicación de transmisión de vídeo en directo a través do móbil de Twitter, Periscope, dispoñible actualmente para iOS (estando en fase de probas a súa versión para Android) parece ter clara a súa intención de converterse en todo un fenómeno, para o que está a evolucionar a bo ritmo, conseguindo boas taxas de uso e incorporando novidades bastante interesantes, como é o feito de que a partires de agora sexa posible empregar a aplicación sen utilizar unha conta de Twitter, identificando ao usuario polo seu número de teléfono na liña do que fai WhatsApp.
Aínda que o uso de Periscope ligado a Twitter é máis que recomendado, xa que facilita comunicación entre o servizo de vídeo e a plataforma social dos 140 caracteres, o feito de permitir identificar ao usuario co número de teléfono permite que moitos usuarios interesados en compartir co seu móbil en tempo real o que ten diante, e que ou non sexa un usuario avanzado ou non teña interese en estar presente en Twitter, teñen agora unha excelente plataforma para transmitir vídeo en directo.
A aplicación tamén incorporou a posibilidade de mudar a fotografía de perfil de cada usuario tirando dunha fotografía do carrete do móbil, ou tomando unha nova fotografía; durante as retransmisións farán máis doado responder a usuarios a través do chat, pois chegará con premer nun comentario para que no noso cadro de texto apareza o seu identificador para responderlle; e tamén se amosará un texto informando dos bloqueos de usuarios que se produzan (como medida de transparencia). Todos cambios que dan a entender que estamos ante unha ferramenta que madura, e que continúa a esforzarse para gañar relevancia e evitar así verse superada polo seu principal competidor, Meerkat.

Periscope informa agora do bloqueo de usuarios durante as retransmisións

PUBLICIDADE