Xa é posíbel visitarmos as Illas Atlánticas de maneira virtual e a través de Google Views

luns, 7 de xullo do 2014 Redacción

Coa axuda das novas tecnoloxías e en relación ás viaxes podemos facer dúas cousas dun xeito máis completo que antes da chegada masivas das novas tecnoloxías e os smartphones: por unha banda coñecer mundo sen desprazarnos e, pola outra, ampliar ao máximo o coñecemento adquirido durante unha viaxe. Para uns (para os que se quedan) e para os outros (para os que se moven) vai dirixida unha dispoñibilidade habilitada en Google Views que nos permite empregar esta aplicación para visitar de maneira virtual as nosas Illas Atlánticas.
Segundo informa a Administración autonómica, Google Views é unha ferramenta semellante ao Street View que, a través de puntos panorámicos, permite percorrer as rutas grazas as imaxes de gran calidade que proporciona. “Grazas a esta aplicación”, engádese, “as illas poden ser coñecidas en calquera punto, xa que para iniciar a visita basta con buscar as illas en Google Maps, arrastrar e soltar a icona denominada Pegman (boneco laranxa) sobre os puntos azuis para iniciar a visita”.
Segundo engaden os responsábeis desta dispoñibilidade, as visitas virtuais que fornece a ferramenta de Google son unha ferramenta perfecta para o visitante que quere coñecer o que se vai atopar, así como un alicerce para escoller as illas galegas como destino turístico, “xa que achega moita máis información ca unha simple foto”. Por certo que as fotografías dispoñíbeis están xeoreferenciadas para que o internauta-viaxeiro teña un coñecemento completo e total do lugar no que se atopa. As imaxes que se ofrecen son o froito de máis de dous meses de traballo nos arquipélagos do Parque Nacional. “En total”, infórmase, “os técnicos traballaron ao longo de máis de 25 xornadas durante os meses de abril, maio e xuño este ano, realizando case medio milleiro de fotografías esféricas e logo facendo unha rigorosa escolma co gallo de elaborar unha montaxe posterior que permitese a mellor definición posíbel do espazo natural”.
Lembrar que o Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia está composto polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e as súas augas. Ocupa unha superficie de 8.480 hectáreas, das cales 7.285,2 son marítimas e 1.194,8 son terrestres.

PUBLICIDADE