WordPress Coruña achega en xaneiro un meetup sobre SEO con Wajari Velázquez

venres, 5 de xaneiro do 2024 S. P.

O centro coruñés WekCo (no 2 de Novo Mesoiro) vai acoller o vindeiro 18 de xaneiro unha nova Meetup de WordPress, a desenvolver baixo o epígrafe Gerión, Hércules e Crunia: Usando un faro para mellorar a túa estratexia SEO. A cita, prevista para as 19.30 horas, vén da man da Comunidade de WordPress Coruña e preséntase como unha boa oportunidade de formación avanzada para os/as profesionais da mercadotecnia dixital.
Nesta sesión, explorarase a importancia do posicionamento en buscadores e redes (SEO polas súas siglas en inglés) para os negocios online, poñendo o foco na ferramenta esencial de Google: Search Console. “Utilizaremos os mitos da fundación da cidade da Coruña para proporcionar unha experiencia didáctica e entretida, revelando trucos clave para mellorar os resultados nos motores de procura”, explican dende a Comunidade de WordPress, engadindo que se contará coa presenza de Wajari Velázquez, prestixioso consultor SEO e membro activo da comunidade WordPress. Wajari, ademais de compartir a súa vasta experiencia en visualización web e WordPress, guiará aos asistentes a través das vantaxes de entender e seguir as directrices de Google, maximizando así a visibilidade dos seus contidos en liña.
Ao finalizar as presentacións, os asistentes poderán gozar dun período de networking. Prazas limitadas a 30 persoas.

PUBLICIDADE