WordPress 4.3 estrea atallos de formato

mércores, 19 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nas últimas horas o xestor de contidos web máis popular a nivel mundial, WordPress, actualizouse á versión 4.3, alcumada Billie na honra da cantante de jazz Billie Holiday, e que xa está dispoñible para a súa descarga en galego, incluíndo novidades moi interesantes, como a posibilidade de editar o menú dun blog mentres se ve o sitio web en directo, a incorporación de atallos de formato, a personalización da icona do sitio sen mudar de tema e a incorporación dun sistema de contrasinais seguros. Tamén consegue unha experiencia de administración máis fluída, desactiva de xeito predeterminado os comentarios nas páxinas e permite personalizar o sitio rapidamente a través da barra de ferramentas dispoñible en portada.
Os atallos de formato consiste en que ao escribir un par de cancelos antes dunha liña de texto crearase automaticamente un titular, ao escribir liñas que comecen cun asterisco crearanse elementos dunha listaxe e ao empregar o signo > faremos iniciaremos un bloque cunha cita textual. Temos así unha serie de técnicas que axilizan a creación de entradas, e que xa incorporaban moitos usuarios a WordPress mediante engadidos, de aí que decidisen darlle soporte oficialmente, aínda que dun xeito moi básico (este tipo de atallos están extraídos de markdown, unha linguaxe de etiquetaxe de texto creada por John Gruber que evolucionou nun estándar de bastante aceptación).

<script src="https://videopress.com/videopress-iframe.js"></script>

As novidades de WordPress 4.3 Billie en vídeo

PUBLICIDADE