Windows Vista xa ten data de lanzamento

xoves, 2 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Microsoft acaba de publicar as datas oficiais do lanzamento de Windows Vista, de xeito que o novo sistema operativo poderá chegar ós clientes corporativos o vindeiro 30 de novembro mentres que os usuarios doméstico deberán agardar ó 30 de xaneiro de 2007 para a súa compra.
Este novo sistema operativo chega 5 anos despois de Windows XP, e supón un avance semellante, que tamén levará consigo unha mellora nos equipos informáticos, que deberán contar con máis prestacións para poder sacar proveito de Windows Vista.
Tamén se rumorea que o 30 de novembro tamén podería ser a data de lanzamento de Office 2007, que leva moitos meses coas súas versións de proba e parece un produto maduro, mentres que as versión de Internet Explorer 7 e a versión 11 do Reprodutor Multimedia de Windows tamén chegaron nas pasadas datas (de feito, o Internet Explorer 7 acaba de estrear a súa versión en español).
Pese a todo, e como xa informamos, os usuarios que merquen ordenadores este Nadal poderán facerse con cupóns para a adquisición de Windows Vista (de balde ou con desconto, segundo as distintas ofertas).
Péchase así o culebrón das demoras de Windows Vista, pois incluso nos últimos meses había consultoras que daban por imposible o cumprir cos prazos de lanzamento marcados, e só teremos que agardar unhas semanas para saír de dúbidas.

PUBLICIDADE