Windows Server funcionará con procesadores ARM

xoves, 9 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Qualcomm anunciou hoxe que está a colaborar con Microsoft para acelerar a vindeira xeración de servizos na nube coa plataforma Qualcomm Centriq 2400 fabricada con tecnoloxía de 10 nanómetros, de xeito que a plataforma cloud Microsoft Azure poderá chegar a usar hardware de Qualcomm.
As compañías recoñecen levar anos traballando xuntos para poder facer realidade servidores con procesadores ARM (en vez dos tradicionais x86 de Intel) que poidan correr Windows Server, como os que veñen de presentar ao público.
Deste xeito temos que a arquitectura ARM non se limitará a dispositivos móbiles e da Internet das Cousas, senón que tomará un rol importante na informática de consumo (a vindeira versión de Windows 10 será compatible con procesador ARM) e tamén tería presenza no sector dos servidores (algo que parecía imposible até o de agora).
Polo momento Intel ten unha posición de dominio absoluto no sector dos servidores (acapara o 99% do sector), pero a entrada de ARM na competición pode supor un importante cambio, especialmente a nivel de aforro de custos.

PUBLICIDADE