Windows RT actualízase para incluír un menú de inicio semellante ao de Windows 10

mércores, 16 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que comercialmente hai tempo que Windows RT é un sistema operativo esquecido, dende Microsoft decidiron lanzar a súa Update 3, unha actualización que non supón grandes cambios como pasar de Windows 8.1 a Windows 10, pero introducindo unha curiosa novidade que axuda a homoxeneizar os equipos que funcionan con sistemas operativos de Microsoft, xa que agora as tabletas con procesadores ARM poderán gozar do novo menú de inicio de Windows 10 (o que non supón que se poidan executar as aplicacións universais do novo sistema operativo, senón só que se adopta a súa estética a nivel de interface de usuario).
A nova actualización está xa dispoñible a través de Windows Update como KB3033055, e non supón un cambio radical, xa que os usuarios poden optar por este novo menú ou conservar o menú a pantalla completa orixinal de Windows RT (que posiblemente sexa a mellor opción no caso de usuarios que fagan un uso principalmente táctil do dispositivo).

PUBLICIDADE