Windows Phone segue a medrar en cota de mercado

luns, 4 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Kantar Worldpanel ComTech continúa a analizar o mercado da telefonía móbil, destacando a emerxencia de Windows Phone, pos no trimestre que remata en setembro de 2013 o sistema operativo móbil de Microsoft estaría en un de cada dez smartphones vendidos nos cinco principais mercados europeos (Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España), nos que Android tería subido 4 puntos ata chegar ao 71,9% dos smartphones vendidos mentres iOS cae ata un 14,6% e BlackBerry afúndese ata un 2,3%.
Se concretamos no caso español teriamos que Android acapara o 90% dos smartphones vendidos, iOS e Windows Phone terían que conformarse cun 4,8% e un 3,7% de cota respectivamente e BlackBerry estaría nunha situación crítica (co 0,3% das vendas).
Un dos países que poderían servir para comprobar a emerxencia de Windows Phone sería Italia, onde conseguiu chegar ao 13,7%, superando o 10,2% de iOS, mentes que Android mantén unha boa posición (71,6%). Temos así que, aínda que o iPhone segue a ser un smartphone líder a nivel mundial (a título individual) como plataforma móbil non é capaz de manter cota de mercado ante as alternativas cada vez máis maduras e económicas, entendéndose que dispositivos como o Nokia Lumia 520 fan que Windows Phone 8 estea dispoñible a un prezo asumible, o que pode levar a esta plataforma superar á de Apple en número de terminais vendidos (o que dista moito dos resultados en facturación, tanto na súa venda como nas súas tendas de descargas).
Dende Kantar xa teñen destacado a emerxencia de Windows Phone en América latina, onde entenden que o grande número de usuarios con móbiles básicos de Nokia poden entender como un paso natural adquirir un Lumia para saltar ao mundo dos smartphones. Pero tamén queren advertir que aínda que Windows Phone e Android medren e iOS e BlackBerry caian, é de prever que as posicións de Apple poidan mellorar de cara á campaña de Nadal.
Tamén cómpre destacar que no mercado chinés a única plataforma que medra é Android, en boa medida pola forza que tomaron os fabricantes locais, que conseguiron facerse co 44% das vendas de smartphones (cando o ano anterior só conseguiran o 30% das vendas).

PUBLICIDADE