Windows Phone recupera a aplicación nativa de YouTube

mércores, 14 de agosto do 2013 Marcus Fernández

A relación entre Microsoft e Google ao redor de Windows Phone é un tanto tensa, o que resultou evidente co conflito provocado co lanzamento dunha aplicación de Google por parte de Microsoft, que desapareceu da tenda de aplicacións para verse substituída por unha simple ligazón á versión web de YouTube para volver nas últimas horas pola porta grande, pois non se limita a facilitar a exploración de vídeos, senón que tamén permite a subida de contidos directamente dende o móbil, a busca mediante voz, a suxestión de palabras chave nas buscas e a reprodución de retransmisións en directo.
A aplicación facilita a xestión do noso perfil de YouTube; a xestión da listaxes de reprodución, cargas e listaxes de vídeo; permite atopar canles, vídeos e listaxes de reprodución a través da barra de busca de acceso rápido; compartir vídeos en redes sociais, por correo electrónico e por SMS; e permite restrinxir os contidos para adultos no Rincón Infantil.
Temos así unha ferramenta que axústase ás demandas de Google (entre outras cousas, elimina a posibilidade de descargar os vídeos para almacenalos no móbil e poder velos sen conexión) e está dispoñible tanto para Windows Phone 7.x como para Windows Phone 8.

PUBLICIDADE