Windows Phone ocupa o 5% do mercado español de smartphones

martes, 9 de abril do 2013 Marcus Fernández

A presidenta de Microsoft Ibérica, María Garaña, concedeu unha entrevista ao diario El País na que aproveito para dar algún interesante datos sobre a evolución das últimas apostas da compañía no mercado de consumo, deixando caer que actualmente Windows Phone conseguiu chegar ao 5% do mercado dos smartphones en España, o que supón unha grande evolución en pouco tempo, aínda que queda moito por avanzar. Garaña asegura que para mellorar a presenza do sistema operativo móbil de Micrososft precisan dun maior apoio dos operadores de telefonía móbil, o que conseguirán cando estean dispoñibles smartphones con Windows Phone a prezos moi axustados, meta que esperan que Nokia acade no mes de maio, o que podería contribuír considerablemente a reducir a distancia que os separa do iPhone e de Android.
Sobre Windows 8 comentou que tivo un lento inicio porque os fabricantes querían desfacerse do seu inventario de equipos con Windows 7, pero que actualmente o 90% dos equipos á venda teñen Windows 8, polo que as vendas do novo sistema operativo disparáronse.
Outro dos produtos que mudaron nos últimos meses foi o Office, que busca converterse nun servizo mediante subscrición, opción que esperaban que en España adoptasen o 20% dos usuarios, pero sorprendentemente conseguiron que un 40% das vendas correspondesen a subscricións a Office 365. María Garaña aseguran que actualmente hai 170 empresas por semana optando por esta nova fórmula, de xeito que España lideraría o mercado Europeo na adopción do paquete ofimático baseado na nube.

PUBLICIDADE