Windows 8 protexerá os nosos documentos persoais con copias de seguridade automatizadas

mércores, 11 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Mentres agardarmos á súa chegada ao mercado, dende Microsoft vannos debullando distintas funcionalidades do Windows 8, entre a que veñen de destacar o File History (ou historial de ficheiro), que é unha aplicación que permite protexer os nosos ficheiros persoais almacenados nos cartafoles de Bibliotecas, Escritorio, Favoritos e Contactos realizando copias de xeito automático dos documentos (inicialmente unha vez cada hora) a outra localización (como un disco duro externo) de xeito que teriamos rexistrados os cambios dun ficheiro para poder recuperalo en caso de accidente na liña do que Apple fai coa súa Time Machine.
Microsoft optou por desenvolver o File History ante o pouco uso que os usuarios facían do Windows Backup e o resto de ferramentas de copias de seguridade, o que deixaba nun estado moi feble os documentos persoais e os nosos recordos dixitais ante un accidente que provoque a perda de datos. Deste xeito, Windows 8 permite un respaldo dos ficheiros máis doado e automático, permitindo atopar, previsualizar e restaurar versións anteriores dos nosos ficheiros dun xeito sinxelo.

Ao conectarmos un disco duro externo ao noso equipo teremos a opción de configuralo para a realización de copias de seguridade automáticas

Para configurar esta funcionalidade de Windows 8 teremos que acceder ao File History no Panel de Control e conectar unha unidade de almacenamento externa que queiramos empregar con tal función para activar tal funcionalidade, aínda que a opción de configurar unha unidade para realizar copias de seguridade tamén estará accesible dende a función de reprodución automática que aparece ao conectar unha nova unidade no noso equipo.
A recuperación de información tamén será moi intuitiva. Por exemplo, cando esteamos a mirar as nosas Imaxes, chegará con premer na opción de Historial para poder acceder as copias anteriores das nosas fotografías, o que permitiría recuperar o estado orixinal dunha imaxe editada.
Esta ferramenta está optimizada para que supoña unha pouca carga para o sistema e tamén permite un alto nivel de personalización, podendo definirse a frecuencia das copias, a duración das mesmas, o tamaño da caché local, os cartafoles dos que non desexemos facer copias de seguridade e incluso a posibilidade de realizar as copias noutro equipo das nosa rede doméstica.

PUBLICIDADE