Windows 8 estrea unha versión pre-beta

mércores, 14 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Steve Sinofsky foi o encargado de dar a coñecer as novas prestacións de Windows 8

Ata o vindeiro venres Anaheim (California ) acolle ao evento BUILD, organizado por Microsoft e orientado ao mundo do seu sistema operativo, Windows, polo que aproveitaron a ocasión para iniciar un programa para desenvolvedores aos que se lles permite a descarga dunha versión pre-beta de Windows 8, que pese a estar lonxe do que será a nova iteración do sistema operativo de Microsoft, serve para probar as súas funcionalidades tanto a nivel de usuario como de programador (xa que esta versión pode descargarse coas correspondentes ferramentas de desenvolvemento).

Windows 8 será capaz de operar axeitadamente en tablets

Durante o encontro profesional, Steven Sinofsky, presidente da división de Windows e Windows Live en Microsoft, realizou unha presentación na que deu a coñecer moitos detalles sobre Windows 8, como a súa interface gráfica (Metro) pensada para amosar información de interese para o usuario e responder ao tacto sobre a pantalla do ordenador, a comunicación entre as distintas aplicacións que usemos, a sincronización cos nosos servizos na nube, unha tenda de aplicacións descargables, DirectX 11 (para unha mellor experiencia nos xogos), as mellores características de Windows 7 (como o feito de poder funcionar en equipos relativamente pouco potentes con só 1 Gb de RAM), a posibilidade de funcionar con máis hardware (soportando procesadores ARM, de xeito que tanto poderíamos velo nun tablet como nun ordenador cunha pantalla de grande tamaño), soporte de tecnoloxías que permiten que cando non usemos o ordenador quede nun estado de espera de consumo reducido que facilita unha rápida volta ao funcionamento (dando a impresión dun inicio instantáneo) e, como non, compatibilidade coas aplicacións e dispositivos que hoxe xa funcionan con Windows 7.
Esta reinvención de Windows converte ao contido no eixe do ordenador, permite utilizar teclado, rato, stylus ou o propio dedo para introducir datos no equipo e incluso permite utilizar tanto a interface de usuario á que estamos afeitos en Windows 7 coa nova interface Metro. En definitiva, unha plataforma que, aparte de ser unha evolución de Windows 7, tamén facilitará que os tablets co sistema operativo de Microsoft deixen de ser unha mera anécdota.

Windows 8 funcionará en moito máis hardware que Windows 7 (como en equipos con procesadores ARM)
A interface Metro de Windows 8 é semellante á que utilizan os móbiles con Windows Phone 7

PUBLICIDADE