Windows 8 estrea unha versión de proba de 90 días

xoves, 16 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Para que os desenvolvedores poidan comezar a traballar e probar aplicacións para Windows 8 dende Microsoft veñen de publicar unha versión de proba de 90 días do Windows 8 corporativo, que é unha copia do Windows 8 final (que sairá á venda en outubro) pero que non poderá empregarse nin actualizarse tras o período de avaliación. Pódese descargar esta copia de Windows como imaxe de DVD (ISO) tanto na versión de 32 como na de 64 bits incluíndo varios idiomas nesta copia (chinés, inglés, francés, alemán, italiano, xaponés, koreano, portugués e español).
Esta copia deberá activarse a través da Internet nos 10 días seguintes á súa instalación, e precisa para funcionar un equipo que como mínimo conte cun procesador a 1 GHz, 1 Gb de RAM (na versión de 32 bits) ou 2 Gb de RAM (na versión de 64 bits), 20 Gb de disco duro libre e unha tarxeta gráfica compatible con DirectX 9 con controlador WDDM. No caso de querer acceder á Windows Store para descargar e correr aplicacións precisarase de acceso á Rede e unha resolución de pantalla dun mínimo de 1.024 x 768 píxeles (o que deixaría fóra a moitos ultraportátiles), mentres que para outras funcións avanzadas a resolución mínima debe ser de 1.366 x 768 píxeles.

Algunhas funcións de Windows 8 precisan dunha resolución de pantalla mínima de 1.366 x 768 píxeles

PUBLICIDADE