Windows 8.1 Enterprise estrea versión preliminar

mércores, 31 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Windows 8.1 poderá funcionar incluso en pantallas de menos de 8 polgadasHai un mes publicouse a versión preliminar de Windows 8.1 para que impacientes e desenvolvedores puidesen ir botando unha ollada ao que será a vindeira actualización de Windows 8, que poderá descargarse de balde e que, entre outros cambios, destaca por recuperar o botón de inicio, permitir iniciar o sistema directamente no escritorio e facilitar a posibilidade de unificar o fondo do escritorio co do menú de inicio. Como este tipo de actualizacións importantes do sistema operativo precisan de moitas probas e revisións, Microsoft publica agora tamén unha versión preliminar de Windows 8.1 Enterprise, para que nos contornos corporativos tamén poidan poñelo a proba, comprobando así o funcionamento das ferramentas que non están dispoñibles na versión doméstica do sistema operativo.
Entre as ferramentas que achega a versión corporativa de Windows 8.1 estaría o creador de Windows To Go (que facilita a creación dun escritorio corporativo administrable a través dun dispositivo USB), control da páxina de inicio (para administrar as aplicacións e personalizar os ordenadores da empresa), DirectAccess (para acceder aos recursos dentro dunha rede corporativa sen precisar dunha VPN), BranchCache (que almacena temporalmente contido de servidores centrais de xeito local), Virtual Desktop Infraestructure (melloras no soporte de virtualización), AppLocker (limita os arquivos e aplicacións aos que os usuarios poden acceder), numerosos avances para facilitar o uso dos ordenadores dos traballadores no contorno corporativo, permitir que o ordenador ou o tablet poida converterse de xeito doado nun punto de acceso Wi-Fi, mellorar o soporte de dispositivos de identificación biométrica e moitos outros cambios que poden ser grandes incentivos para actualizar a Windows 8 (a versión 8.1 será unha actualización de balde).

PUBLICIDADE