Windows 7 incluirá unha interface multi-táctil

mércores, 28 de maio do 2008 Marcus Fernández

Gates e Ballmer captados pola cámara de Asa Mathat durante o D6

Bill Gates e Steve Ballmer son este ano os protagonistas do congreso D6 organizado polo The Wall Street Journal, pois participaron nunha entrevista conxunta na que responderon ás preguntas de Walt Mossberg e Kara Swisher que se centraron especialmente ás críticas a Windows Vista e ao futuro Windows 7, do que deron interesantes detalles.
A principal característica que deron a coñecer é que Windows 7 incorporará a tecnoloxía de Surface (a mesa-pantalla multi-táctil de Microsoft), de xeito que poderá achegar aos ordenadores unha interface de uso que se fixo moi popular grazas ao iPhone de Apple. Poderemos así empregar dous dedos para agrandar e reducir imaxes en pantalla, debuxar en pantalla cos 10 dedos, manexar dun xeito impresionante as aplicacións de mapas e mesmo tocar un piano virtual. Estas aplicacións aínda son probas do que poderá ser o sistema operativo de Microsoft que sairía dentro de 18 meses.
A interface multi-táctil pretende ser un xeito máis natural de relacionarse co ordenador, aínda que esta tecnoloxía tamén se fará común en moitos outros dispositivos nos vindeiros meses, coma poderían ser móbiles, mandos a distancia ou navegadores GPS.
Dende o Windows Vista Blog tamén deron a coñecer un vídeo demostrativos destas novas funcionalidades multi-táctiles do futuro sistema operativo de Microsoft:

Pero iso non é o único que se sabe de Windows 7, senón que a través dunha longa entrevista con Steven Sinofsky publicada por CNET podemos saber máis detalles do sistema operativo que tomará o relevo de Vista. Por unha banda, continúa a asegurar que a data de lanzamento do novo sistema operativo será xaneiro de 2010 (aínda que non descartan que tal data poida demorarse); confirma que Windows 7 non incluirá un núcleo novo, ou sexa, que simplemente sería unha versión mellorada de Vista (o que permitiría o bo funcionamento dos controladores de hardware que actualmente xa funcionan en Vista); e tamén contará con versións diferenciadas de 32 e 64 bits. Dito doutro xeito, que Windows 7 podería ser unha mera actualización de Windows Vista pensada para superar as reticencias dalgúns usuarios a migrar dende Windows XP.

PUBLICIDADE