Windows 11 retirará o soporte de aplicacións para Android

martes, 5 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Unha das funcións máis interesantes de Windows 11 era a posibilidade de correr aplicacións para Android, de xeito que certas utilidades que non estaban dispoñibles para equipos informáticos podían gozarse en ordenadores con Windows, sendo especialmente interesante o seu uso en dispositivos con pantalla táctil.
Pero hoxe sorpréndenos o anuncio de que a partir do 6 de marzo a Amazon Appstore deixará de estar dispoñible dende a Microsoft Store de Windows 11, en previsión de que o 5 de marzo de 2025 Windows 11 deixará de dar compatibilidade a esta tenda de aplicacións e a calquera aplicación que se descargue dende a mesma, xa que retirarase o soporte para o subsistema Windows para Android (WSA).
Dende Amazon confían en que durante o vindeiro ano as aplicacións para Android descargadas continúen a funcionar con normalidade, aínda que é posible que algunhas aplicacións non funcionen correctamente.
As aplicacións que se descargaran anteriormente continuarán a poder instalarse até que se retire o soporte de WSA en Windows 11.

PUBLICIDADE