Windows 10 lanzarase oficialmente no verán

mércores, 18 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Microsoft está a acelerar o ritmo de lanzamento de versións de proba de Windows 10, para adaptar o seu sistema operativo á resposta dos usuarios e conseguir iniciar a revolución de Windows o antes posible, e finalmente poñen unha data aproximada do lanzamento de Windows 10, que podería ser un par de antes do agardado, xa que aseguran que estará dispoñible o vindeiro verán en 190 países e 111 linguas.
O novo sistema operativo ofrecerase como actualización de balde para usuarios de Windows 7, Windows 8.1 e Windows Phone 8.1 durante o primeiro ano (medida para axilizar a súa adopción) e incluso aseguran que, como táctica para atallar o problema da piratería (que supón un problema de seguridade informática a escala global, xa que estes equipos tenden a estar infectados por troianos que logo facilitan ataques informáticos de distinto tipo) a actualización podería aplicarse a equipos sen comprobar se contan cunha licenza de Windows válida (cando menos en China). Espérase que esta medida teña un impacto moi grande no territorio chinés, onde hai centos de millóns de ordenadores con copias piratas de Windows (estímase que 3 de cada 4 equipos estarían en tal situación), que agora poderán regularizar a súa situación, permitindo que Microsoft volva conectar con millóns de usuarios que traballaban con ordenadores ás súas costas.
Tamén dirixidos a potenciar as súas probas no mercado chinés, Microsoft inicia un programa con Xiaomi que permitirá que un grupo de usuarios de teléfonos Xiaomi Mi 4 poidan probar Windows 10 nos seus terminais (a ROM con Windows distribuirase a través dos foros da compañía chinesa), contribuíndo así ao lanzamento de Windows 10 en móbil, o que está a espertar moitos rumores, xa que este programa podería facilitar as ferramentas para poder instalar Windows 10 en dispositivos con Android, de xeito que, ao igual que moitos usuarios modifican os seus smartphones para instalar CyanogenMod e outras ROM cociñadas, poderían no futuro instalar Windows en terminais deseñados para correr con Android.
Continuando coa innovación, Microsoft tamén lembra que ofrecerá Windows 10 para o Internet das cousas totalmente de balde, o que permitirá que dende caixeiros automáticos até pequenos dispositivos como o último Raspberry Pi poidan correr Windows. Para avanzar nesta liña presentan o Qualcomm DragonBoard 410C, a primeira placa de desenvolvemento para Windows 10 que integra Wi-Fi, Bluetooth, GPS e un chipset Snapdragon 410 como o dos smartphones, o que permitirá crear numerosas solucións baseadas na tecnoloxía de Microsoft.


Vídeo no que Microsoft promociona o uso de Windows na Internet das cousas

PUBLICIDADE