WikiLeaks recolle este xoves en Ferrol o Premio José Couso

xoves, 5 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Kristinn Hrafnsson, xornalista islandés e segundo de abordo da organización premiada polos xornalistas galegos

A resolución do sétimo Premio José Couso de Liberdade de Prensa ten relación directa coa Rede, máis polo miúdo coa vertente máis independente e comprometida da mesma. De feito, e tal e como informa a entidade convocante do premio, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, este ano tomouse a decisión de recoñecer co dito galardón a WilkiLeaks, organización sen arela de lucro dirixida a desvelar, a través da Internet, os comportamentos non éticos de quen nos goberna. Por certo que a entrega do premio será hoxe mesmo polo serán na cidade de Ferrol.
Para recoñecer o recoñecemento achegouse á nosa terra Kristinn Hrafnsson, xornalista islandés e segundo de abordo da dita organización, xunto con Sarah Harrison, asesora de Julian Assange. O acto desenvolverase en varias partes: primeiro coa rolda de prensa das 17.00 horas cos representantes da web WikiLeaks, logo cunha ofrenda floral ás 20.00 na estatua As Ceibas do Cantón de Molíns, rematando a xornada no teatro Jofre, “onde se procederá a facer entrega do galardón, rematando co concerto da Liberdade que este ano corre a cargo da Orquesta Gaos”.
Con WikiLeaks xa son sete os galardoados co Premio das Ás ceives. Ademais da organización de Julian Assange, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010).
Este galardón naceu no ano 2005 e está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración de Novacaixagalicia.

PUBLICIDADE