WhatsApp ultima a activación das mensaxes temporais

luns, 2 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Unha funcionalidade presente noutras aplicacións de mensaxería instantánea está a piques de chegar a WhatsApp segundo reflicten as súas páxinas de axuda, onde xa detallan o funcionamento das mensaxes temporais. Esta nova prestación permite que, cando activemos as mensaxes temporais nun chat en concreto, o que alí escribamos desaparecerá en 7 días, sen afectar ás mensaxes anterior a ter seleccionado a opción. No caso dos grupos só os administradores poden activar ou desactivar as mensaxes temporais.
Dende WhatsApp detallan que se alguén non abre WhatsApp durante 7 días, no momento de entrar na aplicación non poderá ler as mensaxes temporais, xa que borraranse automaticamente do dispositivo ao terse superado a súa data de caducidade. Tamén temos que ter en conta que se respondemos a unha mensaxe citándoa, a cita desaparecerá en función da caducidade da mensaxe orixinal, mentres que se reenviamos unha mensaxe temporal a un chat coas mensaxes temporais desactivadas, a mensaxe non desaparecerá.
Cómpre advertir que as mensaxes temporais son unha función que só resulta práctica con persoas de confianza, xa que os usuarios sempre poderán reenviar estas mensaxes, facerlles capturas de pantalla, copiar o seu contido... ou sexa, que non é unha funcionalidade que poida considerarse de comunicacións seguras.
Tamén é preciso advertir de que se un usuario ten activada a descarga automática de arquivos multimedia está activada, o borrando automático das conversas non fará desaparecer eses ficheiros do teléfono, de aí que os usuarios que opten por activar as mensaxes temporais por simple hixiene deberían desactivar a descarga automática en Ajustes -> Datos y almacenamiento.

PUBLICIDADE