WhatsApp ten 1.300 millóns de usuarios activos

xoves, 27 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Dende WhatsApp anunciaron que a súa plataforma de mensaxería instantánea vén de superar os 1.000 millóns de usuarios activos ao día, cantidade que chega aos 1.300 millóns de contamos os usuarios activos ao mes, o que supón todo un logro para unha ferramenta que en poucos anos conseguiu converterse na killer application do smartphones en moitos mercados e que, pese a ser de balde e carecer de publicidade, consegue manterse en activo movendo 55.000 millóns de mensaxes ao día, dos que 4.500 millóns son fotografías e 1.000 millóns son vídeos.
Unha das cousas que máis está a sorprender do crecemento de WhatsApp é que unha das súas novas prestacións, os novos estados que xurdiron como resposta a Snapchat, pese a ter un uso relativamente reducido, pode considerarse un éxito, xa que segundo os resultados financeiros de Facebook terían 250 millóns de usuarios activos ao día durante o segundo trimestre do ano, mentres que Snapchat tería 166 millóns de usuarios (nin que dicir ten que as historias de Instagram si teñen un uso moi intensivo, polo que deixarían á plataforma plaxiada na máis absoluta irrelevancia).

PUBLICIDADE