WhatsApp supera os 500 millóns de usuarios

mércores, 23 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tras a compra de WhatsApp por parte de Facebook non foron poucas as voces críticas que temían que tal operación fose a traducirse na caída do servizo de mensaxería instantánea, pero a realidade é ben distinta, e dende WhatsApp informan de que veñen de superar a barreira dos 500 millóns de usuarios, que comparten máis de 700 millóns de fotografías e de 100 millóns de vídeos cada día, destacando o feito de que os países nos que máis está a medrar o servizo son Brasil, India, México e Rusia.
Esta información coincide no tempo cos datos de audiencia de Internet recollidos polo Estudo Xeral de Medios (EGM) dos meses febreiro-marzo de 2014, que tras 10.780 entrevistas persoais na súa última onda, desprende un importante crecemento de uso da mensaxería instantánea, que superaría por primeira vez ao correo electrónico ao ser empregado habitualmente polo 79,5% dos consultados, mentres que o e-mail caeu ata o 78,2%. Se atendemos a un uso frecuente a distancia aínda sería máis acusada, cun 82,7% de enquisados que empregaron a mensaxería instantánea no último día, porcentaxe que queda nun modesto 69,5% no caso do correo electrónico.

Evolución do uso do e-mail e a mensaxería instantánea segundo o EGM

PUBLICIDADE