WhatsApp potencia as mensaxes de voz

mércores, 7 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os responsables de WhatsApp dan conta estes días de que xa teñen 300 millóns de usuarios activos, destacando que en países como Alemaña, México, India e España superan os 20 millóns de usuarios, deixando clara a súa fortaleza, o que traduciuse no mes de xuño en máis de 27.000 millóns de mensaxes intercambiadas e uns 325 millóns de fotografías intercambiadas ao día, datos que non fan que a compañía estea quieta, e tras varias actualizacións da aplicación de mensaxería na que non había cambios evidentes, agora vemos que tiñan agochada unha funcionalidade: a mensaxería por voz.
Aínda que WhatsApp xa permitía gravar audio e mandarllo aos nosos contactos, durante as conversas contamos agora cunha icona dun micrófono xunto ao campo de texto no que escribimos as nosas mensaxes, que facilita a gravación da nosa voz dun xeito áxil simulando o funcionamento dun walkie-talkie (a voz grávase mentes temos o botón pulsado, e remítese ao soltalo agás que fagamos un xeito para cancelar a operación).
Un detalle rechamante desta novidade en WhatsApp é que, grazas a unha boa planificación e a un esforzo especial por parte dos seus desenvolvedores, estréase simultaneamente en iPhone, Android, BlackBerry, Windows Phone e móbiles de Nokia, evitando así a segmentación que teñen outras prestacións da aplicación (provocadas polas diferencias de funcionamento entre cada sistema operativo móbil).
Dende WhatsApp aseguran que quixeron potenciar esta funcionalidade porque algunhas linguas resulta moi difícil escribir dende a pantalla do móbil, polo que poder intercambiar mensaxes de voz resulta moi práctico.


Vídeo no que explican o funcionamento do novo sistema de mensaxes de voz

PUBLICIDADE